Monday 06 de May de 2024

A Casa de Galicia en Madrid acollerá a presentación da Festa do Corpus Christi de Ponteareas e da nova Ruta da Lamprea


No acto, que terá lugar este venres, participará a directora de Turismo, Nava Castro

A Casa de Galicia en Madrid acollerá este venres, 8 de abril, a presentación da festividade do Corpus Christi da vila de Ponteareas nun acto que contará coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Esta celebración, que conta coa declaración de Festa de Interese Turístico Internacional, é apoiada por Turismo de Galicia, que achegou neste ano para a súa promoción un total de 40.000 euros, cantidade á que hai que engadir 15.000 euros de axuda grazas ao convenio de colaboración asinado pola administración turística galega con Abanca.

A festa é coñecida internacionalmente polas súas artísticas alfombras de flores naturais confeccionadas para o paso do Santísimo Sacramento. Así, o domingo de Corpus Christi numerosas alfombras engalanarán as rúas e prazas de Ponteareas nunha profusión de colorido, creatividade e beleza que atrae cada ano a máis visitantes.

A tradición da confección de alfombras florais en Ponteareas está documentada dende 1857 polo que é, posiblemente, unha das máis antigas do mundo.

Esta importante mostra de patrimonio inmaterial galego foi recoñecida ao longo dos anos con varios galardóns que viñeron recoñecer a súa excelencia, como a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia en 1968 para continuar coa declaración de Interese Turístico Nacional en 1980 e, finalmente, a declaración no ano 2009 de Festa de Interese Turístico Internacional. Deste xeito, Ponteareas consolidouse como un referente a nivel internacional na confección de alfombras florais.

Ruta da Lamprea
Por outra parte, Turismo de Galicia presentará tamén este mesmo venres na Casa de Galicia en Madrid un novo produto turístico relacionado con outro dos grandes recursos Ruta da Lamprea.

Este novo produto turístico que comprende dezaoito municipios galegos situados nas beiras dos ríos Miño, Ulla e Tambre porá en valor turístico os principais recursos naturais, gastronómicos e culturais destes concellos arredor dos labores de pesca e a gastronomía deste singular peixe.

Así, con esta ruta darase a coñecer o importante patrimonio que rodea a este peixe e á súa captura, mostrando aos visitantes desde as artes de pesca como as pesqueiras ou as estacadas, ata os lugares de interese natural e cultural, como miradoiros, paseos, pontes ou capelas, entre outros elementos.

Deste xeito, a Ruta da Lamprea constitúe un importante produto turístico que virá a ampliar, non só a oferta turística destes concellos, senón tamén da Comunidade galega en xeral, a partir dun recurso endóxeno como é este peixe tan característico do curso baixo destes ríos.